La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Ese neno italiano que estivo secuestrado durante máis de cinco meses e a quen os seus verdugos lle cortaron unha orella é un símbolo do horror. ¿Como será a alma dos individuos que decidiron arrincalo da casa dos seus pais e sepultalo entre ratas só para conseguir o diñeiro do rescate? ¿En que momento das súas vidas pasaron o estreito rubicón da conciencia, perderon a condición de homes con sentimentos humanos e se converteron en canallas sen escrúpulos? Unha explicación preguizosa, desvinculada de calquera esforzo intelectual solvente, buscaría a causa na infancia destes individuos ou nas dificultades dunha vida presuntamente difícil.

Mentira. O mal é unha opción vital para todos, non só para quen foi vítima dunha infancia difícil ou dunhas condicións sociais inxustas, por non falar dunha educación deficiente. Optar pola maldade é unha decisión libre, que afecta o mesmo a ricos que a pobres, aínda que se manifeste de maneiras distintas entre uns e outros. O contrario reduciría problema a unha simpleza estúpida, de maneira que os malos procederían sempre dos estratos máis humildes da sociedade, pero sen culpa, pois os responsables serían os ricos.

Non resulta fácil imaxinar os delincuentes que raptaron o neno italiano como uns pobres desgraciados marxinados pola sociedade e condenados a ser uns tipos ruíns de por vida. Máis ben un ten a imaxe contraria deles: xente de aparencia respectable e digna, auténticos bichos con aspecto de persoas honorables. Probablemente nun momento das súas vidas, estes individuos decidiron amasar unha fortuna por procedementos que supuñan torturar a outros seres humanos, incluídos nenos. Esa crueldade non se corresponde con ningún fatalismo de tipo social. Depende só de que un estea disposto a criar cobras no centro do corazón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de xullo de 1992.