La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pois o gato Samuel xa caza. Hai tres días colleu unha toupeira, o sábado pillou un rato e onte fixo o mesmo cun paxaro. Que mate dos primeiros non me importa, pero a estes últimos non me gusta que os ataque. Son, non obstante, as súas presas preferidas. Embóscase na herba, coa barriga contra o chan, e no momento oportuno dá un salto felino que con frecuencia lle resulta eficaz. Claro que se trata dunha eficacia gratuíta, supoño que deportiva, pois non lle serve para nada. Quero dicir que non é preeiro, por fortuna, e que non come os bichos que mata. Xulgado con criterios humanos, sería un cazador que se divirte cazando.

Dixen que non me importa que mate ratos, por exemplo, pero que non me gusta que faga o mesmo cos paxaros. Está claro que isto é unha contradición. Os dous teñen os mesmos dereitos, por riba das simpatías ou antipatías que esperten en nós. Resulta inevitable, non obstante. As baleas caen ben, así como as pombas ou os elefantes. Caen mal, en cambio, lagartos, cobras, mosquitos ou sapos.

En América hai unha asociación de amigos das formigas e non sei onde lin que hai países nos que se fan campañas a favor das moscas. A min paréceme ben, sempre que non se converta isto nunha cruzada contra a xente, pois ás veces hai persoas que aman o reino animal, pero exclúen coidadosamente a humanidade dese amor, como sucede con eses toliños que poñen bombas nos laboratorios onde se usan cobaias para a investigación, sen importarlle destripar aos investigadores. Nisto dos amores hai que ter coidado e sospeitar de quen os proclame demasiado en voz alta. Eu a Samuel quérolle o xusto, como aos meus libros ou aos meus trens eléctricos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de xullo de 1998.