La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

De Minsk e Bielorrusia quedamos todos bastante fartos. Iso de que as tradutoras non traducisen as opinións que non lles gustaban ás autoridades acabou por facerse intolerable. No tren viaxa moita xente que fala ruso e que nos alertaron sobre esa práctica inmoral. O mesmo fixeron algúns escritores locais. Por outra parte, as ditaduras chéiranse na rúa, nas tendas, nos restaurantes. O presidente Lukaschenko, que se fixo famoso cos seus discursos en contra da corrupción, vive asentado sobre ela, e parece satisfeito.

O luns pola noite, un grupo bastante amplo acordamos non asistir á recepción que nos daba o ministro de Cultura e evitar así que nos utilizase como propaganda. Zafámonos das súas mans pero fomos parar ás dun mafioso propietario dun restaurante que nos cobrou os vasos de viño a mil cincocentas pesetas* e que nos enganou todo canto quixo. Escoitou unhas cantas, pero mantívose impasible: cumpriu os seus obxectivos. Agora acabamos de chegar a Varsovia e esperamos que todo sexa moito mellor.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de xullo de 2000.

 

(*) Aprox. 12 euros a día de hoxe (N. d. E.)