La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O día que cheguei á cidade de Guadalajara, en México, no que antes se chamaba Nueva Galicia, o cónsul de España tíñame preparada unha entrevista cun senador mexicano. Pola  noite, antes de retirarme a durmir, avisoume de que almorzariamos os tres xuntos ás nove da mañá. A miña sorpresa foi descubrir que o restaurante do hotel estaba abarrotado de xente, igual que se fose a hora do xantar, comendo todos de coitelo e “tenedor”, ou garfo, que é como se debe dicir en galego correcto. Non coñecía eu este costume daquel país. É nesas reunións onde se fan os negocios ou se levan a cabo encontros políticos.

Normalmente, non falta a música: piano nos lugares máis elegantes; mariachis e outros folclores nos sitios máis populares. Como sucede en tantos países do mundo, tamén alí se confirman os tópicos. México é moi musical, demasiado para o meu gusto, pois non resulta fácil nin cómodo conversar nos restaurantes.

Esa debe de ser unha das razóns polas que a xente berra tanto. Porque berrar, bérrase moito. Outro tópico confirmado é o da violencia camorrista. Hai tiros e mortes todos os días, con frecuencia por asuntos intranscendentes e ridículos. Nos periódicos inclúense seccións enteiras que, baixo o título xeral de “Policía”, dan conta dos crimes da véspera: resultan impresionantes. Non obstante, a sensación que produce o país é de tranquilidade, non de medo, polo menos nos lugares por onde eu me movía. A iso contribúe ademais a amabilidade e a boa educación da xente, que me fixo recordar os países máis corteses de Europa, que para min son Holanda e Suecia. Coa vantaxe de que se trata dunha cortesía cordial, máis amigable que formalista.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de xuño de 1997.