La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Entro no quiosco onde habitualmente me abastezo de periódicos e atopo unha señora que se está enchendo de revistas de cotilleo. Compra catro ou cinco e logo pide un coñecido diario conservador. Nese momento, picado pola curiosidade, miro para ela. É unha muller xove e espléndida: alta e loira, delgada, ten o bo gusto de non ir amoblada, senón vestida cunha fermosa blusa de seda e uns pantalóns vaqueiros perfectamente axustados. Un só detalle que non me gusta: sóbralle chatarra nas mans, nas orellas e no pescozo. Digamos en defensa dela que se trata de ferralla de bo prezo, especialmente unha esmeralda que lucía nun dos dedos da man dereita.

Esta señora debe estar preocupada polas desventuras de lady Di, polos escándalos das princesas de Mónaco e polo futuro das infantas españolas, quizais tamén polos amores de Hussein de Xordania, que parece prepara divorcio e novo matrimonio. Talvez non sexa apropiado dicir que está preocupada, senón que está interesada. Incluso se podería matizar aínda máis e dicir que exactamente o que lle ocorre é que sente curiosidade.

No mundo que leva debaixo do brazo, o que pasa é moi simple: xente importante que casa ou se divorcia; tipos coñecidos que se ven en compañía de señora ou señoritas igualmente coñecidas; bautizos; festas de noite; concursos de rapazas fermosas que aspiran a un efémero reinado; actores que din algunha frase exactamente igual a outra dita anteriormente por algún colega… Pouco máis. E non obstante, algún atractivo poderoso debe haber detrás desta amable literatura para que esperte o interese de tanta xente. Eu mesmo vin, hai xa anos, nun voo de Barcelona a Madrid, a todo un señor bispo que lle pedía á azafata unha desas revistas, a máis popular de todas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de xuño de 1992.