La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A traca final en Kaliningrado foi apoteósica. Leváronnos en tren ata a localidade de Svetlogorsk, un lugar de vacacións á beira do Báltico, onde fomos recibidos por unha multitude, como futbolistas, mentres desfilabamos polo medio da rúa, ao ritmo de varias  bandas de música, rodeados de centos de rapazas vestidas co traxe do país, un escuadrón de soldados disfrazados de romanos con lanzas de madeira e unha especie de cabezudos. Logo houbo ballet ao aire libre, ademais de cantos e bailes rexionais. Unha loucura.

Pola noite, cea co gobernador. Cando agardabamos por el, veuse cara á min. Era pola rapaza que me acompañaba, unha rusa de ollos grises, á cal lle botou un piropo, ao tempo que me preguntaba que fixera eu para estar cunha moza tan bonita. Pois nada. Coñecémonos na catedral, díxome que se chamaba Ala, entregoume unha vela e púxose a falar comigo nun castelán impecable. Hai que dicir que a catedral de Kaliningrado está convertida nun teatro e que, polo tanto, non se tratou de ningún pecado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de xuño de 2000.