La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha ocasión, o petroleiro americano Herbert Dunbar dixo que por debaixo dos dez mil dólares non había emocións, senón lixeiras sensacións epidérmicas. Uns descoñecidos matárono a tiros en Nova York na porta dun edificio de pisos de luxo. No peto da chaqueta levaba unha xoia de gran valor, adquirida unhas horas antes en Tiffany’s. Nunca se soubo quen era a destinataria de tan suntuoso regalo. Fose quen fose, probablemente perdeu para sempre unha das emocións máis intensas da súa vida.

No outro lado da filosofía da existencia, o escritor portugués Agostinho da Silva, un home inocente recentemente desaparecido, que viviu e morreu na pobreza, díxome unha vez que as grandes cousas se fan con poucos medios. Seguramente non é certo, pero a esperanza e o optimismo necesitan metiras como esta.

Non obstante, cando a xente vive esas situacións absurdas que se dan nas guerras e aprende que a vida é o valor máis grande, pero tamén o máis fráxil, con frecuencia compórtase máis de acordo co pensamento do escritor portugués que coa frase arrogante do millonario americano. Hai quince días, na capital de Hercegovina houbo unha gran festa popular para celebrar que cinco farolas da rúa principal da cidade volvían estar acendidas. Non se trata de ningún feito grandioso, pero que ben lle senta ao corazón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de xuño de 1994.