La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Esta fin de semana andei por terras da Limia, falando cos amigos e descansando. O sábado ceamos nas inmediacións da lagoa de Antela, nun bar próximo ao Penedo, unha aldea na que  se celebra todos os anos a feira do San Mateo, só para cabalos. Foi unha reunión agradable, con longa tertulia, na que un dos comensais, que é granxeiro, contou moitas historias dun famoso delincuente da comarca, un mozo ao que lle deu polo torto e que lle leva feito mil trasnadas aos veciños, sobre todo en cuestión de roubos.

Como tamén lle gusta disparar, unha tarde trouxo ás vellas do lugar saltando dun lado para outro, como se fose un baile, cada vez que se achegaban á súa casa para suplicarlle desde lonxe que se deixase de parvadas e gardase a pistola. Entón botaba unha risotada, tiráballe a un metro das pernas e facíaas fuxir a todo correr.

A este amigo meu, unha noite rouboulle un tractor novo do trinque cargado de patacas e deixoullo enterrado nunha poza, destrozado. O meu amigo foino buscar á casa e pegoulle unhas pescozadas, polo cal foi denunciado. Na véspera do xuízo, o delincuente, convertido en acusador, presentouse na casa do denun ciado para preguntarlle se ían xuntos, pois non tiña coche. O caso é que o meu amigo foi condenado a unha multa e ao ladrón non lle pasou nada. Non me sorprende: debe ser máis un aloucado que unha mala persoa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de xuño de 1996.