La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nun curso que pasei en Bilbao, alá polo ano 1969, un día escoitei dicir nun bar, en relación cun atentado que aquela mesma mañá causara a morte dun garda civil, que o morto algo tería feito para merecer aquel castigo. O outro día, con motivo da masacre que os terroristas vascos ocasionaron en Madrid, unha señora maior, ao ver tirada no chan unha nena de oito anos, ferida e mutilada pola explosión, fixo un comentario parecido, aínda que moralmente oposto ao anterior, para resaltar a inocencia evidente da pobre criatura.

Quen teña lido A peste de Albert Camus recordará unha escena moi semellante. O cura Paneloux defende nos seus sermóns a teoría de que a peste que afecta á cidade é un castigo que Deus mandou polos pecados cometidos. O doutor Rieux, agnóstico e humanista, despois de loitar inutilmente para salvarlle a vida a un neno de poucos anos, dille ao sacerdote: “Padre, polo menos este era inocente”.

Resulta comprensible que, igual que este médico, calquera de nós pretenda expresar o horror que sente destacando a inocencia dunha neniña de oito anos que cae vítima casual da  metralla. Penso, non obstante, que parece máis certo e máis xusto dicir que todas as vítimas eran inocentes, o mesmo os adultos que os pequenos, e que todos os demais cidadáns, que padecemos este ataque contra a nosa dignidade humana, somos inocentes tamén. Os únicos culpables son os que poñen as bombas e os seus cómplices.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de xuño de 1993.