La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pasei unha boa parte da fin de semana traballando de albanel, se non resulta demasiado pretensioso chamarlle así a unhas pequenas chapuzas que andei facendo no xardín. Naturalmente, contei con axuda, pois ignoro todo canto se refire a proporcións entre area e cemento para facer a masa necesaria. Diriamos que me dediquei aos aspectos máis artísticos do asunto, eses que demandan algunhas doses de paciencia, interese polos detalles e uso perfeccionista do moqueiro. Aínda así, o resultado non me pareceu ningunha marabilla, senón todo o contrario, o cal me reafirmou na admiración que sinto pola xente que traballa coas mans.

Cando andaba batendo co cincel nunhas pedras que estorbaban para sacar uns niveis, desfixen sen querer un formigueiro, ou unha parte del. De pronto, por un buraco empezaron a saír moreas de formigas que ao cabo de pouco tempo se transformaban nunha especie de moscas, con ás. Aínda que supoño que non é así, daba a sensación de que non as tiñan ocultas, senón que se lle formaban de súpeto.

De pequeno, cando me interesaba máis por estas cousas da bichería, nas que tiña de asesor ao meu pai, que lera o libro famoso de Maeterlinck, sabía algo de todo isto. Recordo, por exemplo, a historia de que había formigas que practicaban a escravitude, que eu imaxinaba como unha historia diminuta de látegos, cadeas nos pés, argolas arredor do pescozo e, por suposto, bágoas. Foi esta lembranza infantil a que me levou a pensar que as formigas con ás que saían onte do formigueiro que destruín non podían pertencer á clase das dominadas, senón das dominadoras: ninguén que voe pode ser escravo. Por iso non tiven nin chisco de remordementos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de xuño de 1999.