La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola tarde chegamos a Dortmund, en Alemaña. O recibimento na estación foi simpático: unha banda de música tocando e unha rosa, entregada por dúas mozas, para cada un de nós. Logo, en procesión, baixo unha calor abafante, precedidos de varios cómicos que ían subidos no alto de zancos enormes, leváronnos á biblioteca pública, para asistir á primeira recepción. Foi un descanso despois do inferno de Bruxelas, onde presenciamos unha batalla campal dos hooligans ingleses, coas sillas da nosa terraza voando polo aire, mentres a policía cargaba contra os bárbaros, que racharon escaparates e queimaron varios coches.

Noutra parte da cidade, outros colegas aínda o tiveron peor, pois houbo disparos, parece que feitos por un inglés, e fuxiron asustados a refuxiarse no hotel. Pola noite non había apenas un sitio onde tomar algo, a pesar de que a calor invitaba a estar fóra, ao aire libre. Os máis precavidos botaron a chave para evitar complicacións.

Mañá, aquí en Dortmund, haberá bastante actividade e moi variada. Ademais dos debates e as conferencias, está programado un partido de fútbol entre novelistas e poetas. Onte fixeime no tren e, en xeral, os segundos son máis delgados, con lixeiras excepcións, como un checo que debe pesar máis de cento vinte quilos e que en París fixo unhas declaracións confesando a súa admiración por Franco e Pinochet. Desde entón anda só. Mellor dito, fala moito cunha escritora austríaca que, segundo me contou un poeta grego, vai casar cando cheguemos a San Petersburgo, a onde lle sairá o mozo. Con ese motivo, haberá festa. Xa advertín a un poeta que a miraba con moi bos ollos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de xuño de 2000.