La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No pasado mes de marzo, unha velliña británica chamada Thelma Campbell, farta das canalladas que lle facían un grupo de rapazolos pillabáns, reclamou por teléfono a presenza da policía. Non lle faltaba razón: os gamberros petábanlle na porta continuamente e saían correndo, rachábanlle as botellas de leite, ríanse dela e do seu home… Unha tortura insoportable para dous vellos indefensos. O policía que acudiu no seu auxilio colleu a un dos idiotas, agarrouno polas lapelas e largoulle unha labazada.

A prensa e a opinión pública daquel país están agora divididas. Os defensores dos dereitos dos rapaces reclaman a expulsión definitiva do axente que deu a labazada, a quen os xuíces xa lle impuxeron unha multa. Outras persoas, en cambio, consideran que o policía fixo o que tiña que facer e propoñen unha condecoración.

Aínda hai un terceiro grupo, variante burra e primitiva do anterior: como o rapaz do conflito é un estranxeiro, fillo de españois, chaman por teléfono á casa dos pais para insultalos, ameazalos e pedirlles que se vaian dun país que non é o deles. É dicir, que cada un aproveita a historia segundo máis lle convén. Tanto que, conforme pasa o tempo, ninguén se acorda dos velliños a quen os raparigos lles facían a vida imposible, e que son as verdadeiras vítimas desta  historia; nin sequera provocando un cataclismo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de xuño de 1994.