La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai anos durante un xantar celebrado en Madrid, o intérprete de Olof Palme para español facía eloxios ponderados do asasinado primeiro ministro sueco. Era tan grande a simpatía que lle inspiraba aquel home que boa parte do tempo que empregou en falar del o fixo cos ollos augados pola emoción. Pouco a pouco, case todos os presentes nos deixamos envolver pola calor humana das súas palabras. Digo que case todos, porque ao meu lado sentaba un vello poeta de barba branca que nun momento da conversa, cando o citado intérprete estaba no cumio da devoción, tocoume o brazo e díxome en ton de confidencia: “Non faga caso. No fondo, Palme era un golfo como todos os políticos”.

Non sei a que golferías se podía referir o meu compañeiro de mesa, pero supoño que a súa delicada alma de poeta sublime debía sentir algún tipo de noxo invencible fronte ao pragmatismo brutal dos políticos, eses individuos condenados a contradicirse permanentemente, segundo as circunstancias. Habitantes dun mundo onde rexe a ética da responsabilidade por riba da ética dos principios, pasan a vida enganando a unha opinión pública moi propensa a deixarse levar polo arrebato irracional dos sentimentos.

Golfos por golfos, a xente parece que prefire os falabarato, eses tipos primitivos e audaces que prometen a solución do imposible. Cun mundo dotado do poder de destruírse a si mesmo, cunha tecnoloxía que parece maxia ou bruxería e ten a capacidade de crear materia a partir da nada, a xente non se resigna a aceptar que haxa cousas que non teñen solución ou que teñan unha solución difícil, ás veces, incluso tortuosa. Cansos de crises, fartos de esperar, os pobos máis ricos do mundo buscan salvadores. En Marbella atoparon a Jesús Gil; en Suecia a Ian Wachtmeister; en Francia a Le Pen. En Estados Unidos o mesías chámase Ross Perot. Son tantos que deixaron de ser anécdota.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de xuño de 1992.