La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O sábado estiven con outros amigos en Xanceda, na casa de Felipe Fernández Armesto, onde despois de xantar, comodamente instalados no salón, fixemos unha longa tertulia que durou case ata o solpor. Os temas, como sucede sempre neste tipo de reunións informais, foron moitos, entroncados uns noutros de maneira espontánea, deixándonos arrastrar pola enxurrada fluvial da conversa, que ao final chegou a ser como un río cheo de derivacións e meandros. Unha delicia. A experiencia vital do anfitrión dá para moitas horas de lecer.

Desde rapaz tiven a sorte de vivir rodeado de homes e mulleres que sabían contar historias, e resultou tan atractiva para min esta condición, que os meus mellores amigos foron sempre xente de máis idade, que é a que conta mellor. De aí que me encante facer tertulia con persoas que teñan vivido moito e que saiban narrar con arte o que viviron. Un pracer semellante ao da lectura. Así foi a tarde do sábado.

Nun momento da conversa, onde as historias chovían sen parar, fíxose un deses claros que sempre aparecen nas boas tertulias como se fosen un escampado, necesarios para que as anécdotas non se queden en contos e sirvan tamén para reflexionar. Entón falouse da envexa. Cando saímos de Xanceda, eu sentina dentro de min. Que Josep Pla lle dedicase a Felipe Fernández Armesto un capítulo nas súas obras completas chamándolle amigo, a min prodúceme unha envexa irreprimible. Tanto que o teño que dicir.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de xuño de 1993.