La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Os alemáns tiñan previsto que hoxe, segundo os psicólogos, empezarían os primeiros cansazos e incluso, para algúns, a tentación de abandonar. Por iso decidiron dedicar o segundo día de estancia en Bordeos, é dicir, o domingo, a visitar Château Smith Haut Lafitte, con degustación de viños na propiedade, trasladarnos logo a Malagar, que foi a residencia dun dos tres grandes escritores da rexión, François Mauriac (todos empezan por “M”, pois os outros dous son Montesquieu e Montaigne) e sermos recibidos finalmente polo Consello Rexional da Aquitania, algo así como a Xunta de Galicia, pero con bastante menos poder.

Digan o que digan os psicólogos, a xente está contenta, agora que xa se fixeron amizades e que se coñece case todo o mundo, aínda que eu descubro cada día algunha cara nova. Tamén  funcionan as tertulias: estiven o sábado pola noite, no hotel, nunha multicolor, cunha rusa, un bosnio, unha danesa, un armenio, unha búlgara e un letón.

Foi nesa reunión onde souben que xa hai unha mala oficial, unha turca que berra moito e que protesta por todo. Alguén decidiu que é a mellor candidata para o crime que se espera (é literatura, por suposto), mentres que xa están asignados tamén o papel do asasino (cando mo dixeron deume un ataque de risa, pois é un escritor bielorruso que parece sacado dunha película de malos) e o cronista do suceso, Tchingis Abdullaiev, un novelista acerbaixano que vendeu máis de dez millóns de novelas policiacas en todo o mundo. O que non conseguiu aclararme ninguén aínda é por que unha danesa leva sempre na perna esquerda unha tirita dunha cor diferente cada día.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de xuño de 2000.