La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No verán de 1984, nunha fermosa casa próxima á localidade sueca de Lund, durante a cea que alí se celebraba, tiven a ocasión de observar con calma un escritor daquel país, profesor de literatura na universidade, que naqueles días era o centro da mofa xeral. Despois de labrarse ao longo de moitos anos a imaxe ideal dun home honesto e traballador, solicitou na cátedra un permiso por enfermidade, foi a Londres de compras coa súa muller e tivo a desgraza de partir unha perna nuns grandes almacéns.

Desde o primeiro momento, sentín simpatía polo personaxe. Pasou a noite falando das fresas que cultivaba no xardín e do sabor que conseguía cun prato de cogomelos que preparaba con leite. Escoiteille dicir tamén que o peor de romper a perna era ter que renunciar a andar en bicicleta e verse obrigado a ler máis do que quería.

Unha desgraza parecida acaba de ocorrerlle a un líder radical do partido laborista británico. Despois de cultivar con mimo durante anos a imaxe dun home sensible aos problemas dos obreiros, incapaz de utilizar outro medio de transporte que o metro ou o autobús, vai e ten un accidente nun taxi. A prensa asegura que se acabou politicamente. Penso que xa o estaba: cando alguén se propón a si mesmo como exemplo de nada, case sempre se trata dun golfo. Agora, en cambio, é cando o personaxe empeza a ser simpático.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de xuño de 1994.