La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Alá polos anos cincuenta, un día vin un alcalde nunha situación un pouco ridícula. Non porque fose vestido cun traxe daqueles que usaban entón os políticos e que recordaba o uniforme dos homes que vendían xeados pola rúa, senón porque o arrempuxaron en público e lle botaron unha bronca diante da xente. Foi nunha exposición agrícola que se celebrou en Ourense no xardín do Posío. Non recordo ben que pintaba eu naquela cousa, aínda que sospeito que debín acudir para ver a algún ministro, algo que daquela non era fácil.

O caso é que había unha tribuna de madeira para as autoridades, con asentos en bancada, como nun campo de fútbol. Cando aínda estaban baleiros, agardando os invitados, chegou un señor alto e bigotudo, con aspecto de presumido e sentouse nun daqueles lugares, perna sobre perna. Pareceume que se sentía feliz de verse empoleirado.

Xusto cando chegou o capitoste, acompañado dun amplo séquito, que incluía un bispo e varios curas, un grupo de paisanos botáronse ao home sentado e sacárono pola forza do seu sitio, ao tempo que lle berraban. O pobre do señor, humillado, foise colocar coa xente normal, case ao meu lado. Entón oínlle comentar que era o alcalde de Porqueira, o cal me pareceu aínda máis ridículo. Se non fose porque observei que aquel home estaba a punto de chorar, eu tería aínda hoxe unha pésima opinión dos rexedores municipais.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de xuño de 1995.