La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Creo que coñecín tres santos na miña vida. Polo menos, santos que tiñan fama de tales. A primeira, porque se trataba dunha muller, era unha señora que se alimentaba exclusivamente coa comuñón. Facía milagres pequeniños, pero que remediaban algunhas calamidades: atopaba cousas perdidas, incluso agullas e moedas, e curaba trastornos menores, como catarros e dores de cabeza. Un tío meu, médico republicano e bastante descrido, un día descubriu que a santa comía polbo polas noites, ás escondidas.

Outro santo foi un compañeiro meu de estudos. Pasaba horas na capela sen moverse, como se fose unha estatua, cos ollos cravados nunha imaxe da Virxe, ás veces poñendo os brazos en cruz. Debía ser santo só naquelas circunstancias porque, cando xogabamos ao fútbol, a min machacábame as pernas a patadas.

Probablemente, ningún deles ocupará praza de postín ao lado de Deus, un lugar que en Francia todo o mundo lle recoñecía ao famoso abate Pierre, a quen vin eu un día nun acto celebrado na Mutualité, en París. Agora, este frade, por defender a un amigo, dixo que non é verdade que os nazis matasen a tantos xudeus. Aínda que xa ten preto de noventa anos e a esa idade todos os pecados se perdoan facilmente, este é moi gordo. Tanto que non sei se o santo terá que contentarse no ceo con cadeira de galiñeiro.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de maio de 1996.