La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, no momento en que estaba descargando a tormenta das cinco, que consistiu máis nunha bategada furiosa de auga que en aparato eléctrico, aproveitei o descanso do albanel que anda traballando na casa para botarmos xuntos unha parrafada.  Xa dixen que é un home de prosa tranquila e que pica un tanto de sabio, polo menos cando fala da vida. Non é así, en cambio, ao tratar de cuestións doutro tipo. Por exemplo, se lle dá por meterse na ciencia, que segundo puiden comprobar, é asunto que lle gusta.

Empezou falando dos terremotos destes días pasados, que el non sentiu porque se deita á hora das galiñas. Contáronlle os vellos, que teñen o sono nervioso e espertan cun mosquito que pasa. Un deles díxolle que desde a guerra non vivira situación peor na súa vida: era igual que cando a artillería batía na posición.

Preguntoume a min se sabía en que consistía o fenómeno e tratei de explicarlle o que aprendín estes días lendo os periódicos. Escoitou moi atento a miña erudición escasa e recente, sen amosar sentimento de ningún tipo diante das palabras técnicas que eu pronunciaba. Pronto me decatei, non obstante, de que non quería saber, senón que me estaba examinando. Cando rematei a miña exposición, deulle unha chupada ao cigarro e díxome: “Iso élle polos buracos que quedan na terra despois de quitar o petróleo”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de maio de 1997.