La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Parece que volve a cochambre. Despois de varios anos dun desprestixio duramente conquistado, os marráns emerxen de novo en toda Europa, rodeados desta vez dun resplandor científico, como depositarios dunha verdade antiga, oculta nas últimas décadas por unha concepción abusiva da hixiene. Xa se empezan a ver polas rúas, non nas esquinas marxinais das zonas máis inseguras das cidades, senón no centro mesmo, paseando polas arterias comerciais ou sentados nas cafeterías elegantes. É a moda.

No se trata dunha porcallada exterior, visible nas saias tipo piringallo ou nas camisas de popelín barato suadas debaixo da axila. Non, nesta ocasión a cousa é bastante máis refinada. Os novos guarros van ben vestidos, mesmo poden transportar en roupa dun día o equivalente ao salario dun mes, levan as uñas limpas, sen febre, e son discretamente coidadosos no aseo da cabeza.

Desta vez, a inmundicia é interior, secreta e corporal, detectable só na media distancia, nese breve traxecto onde a nosa pituitaria queda indefensa fronte o cheiro a bravú e as emanacións fisiolóxicas non varridas polo xabón e mais a auga. Se o porquiño non é un tipo indecente e abandonado, é dicir, se dispón dunha filosofía ao respecto, evitará que os efluvios cheguen a ser repugnantes. Nese punto de equilibrio entre o desaliño e a teoría está a diferenza. Está por ver que o nariz estea culturalmente preparado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de maio de 1993.