La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte estiven en Madrid unhas poucas horas, desde as nove da mañá aproximadamente ata as catro da tarde, para asistir ao acto de presentación das novelas de Eliseo Alberto e Sergio Ramírez, invitado por Juan Cruz, que se empeñou en que fose. A verdade é que o pasei moi ben, sobre todo porque me atopei con moitos amigos, eses que, se non fose por unha ocasión coma esta, sería difícil velos a todos xuntos. Alí estaban Alfredo Bryce Echenique, Manuel Vicent, Fernando G. Delgado, Ángeles Caso, Mercedes Milá… Rimos bastante, non por nada especial, senón porque neste tipo de reunións, non se sabe ben por que motivo, todo o mundo ri moito.

Claro que algunha razón había. Un señor alto, de cabeza grande, con aspecto de ruso, debeume de confundir con outra persoa porque me dixo: “Enhorabuena”. Eu puxen unha cara neutra, esperando a ver de que se trataba, ata que me soltou en voz alta, nese ton estridente que produce vergonza: “¡Cantas como Dios!”.

A gargallada dos meus amigos sorprendeuno e foise. Por alí andaba Javier Gurruchaga. Houbo un momento en que pensei que aquel señor se ía dirixir ao cantante vasco porque quedou  mirando para el, con ganas. Probablemente non se atreveu, quizais pola vergonza que acababa de pasar. Logo perdinlle a pista, pero ao final, cando xa me dirixía á porta para marchar ao aeroporto, vino correndo detrás da ministra de Cultura, con cara de quererlle confesar a súa admiración, ignoro se como ministra ou como cantante. Non lle deu tempo, porque a señora desapareceu nun tris dentro do seu coche oficial e o home aquel quedou alí, como plantado. Non me deu pena. Aínda seguía alí moita xente e ademais había moita cousa rica que comer.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de maio de 1998.