La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, mentres tomaba o café das once nunha cafetería próxima ao traballo, un grupo de señores que facían tertulia de pé, ao lado da barra, comentaban con entusiasmo esta nova práctica parlamentaria española que consiste en patear e armar barullo desde o escano ou chamarlle chulo ou mamón ao deputado que ocupa a tribuna na cámara. Un dos contertulios, arrebatado pola excitación que lle producía a novidade, dixo que en parlamentos máis civilizados que o noso os seus membros chegan ás mans e non pasa nada.

Efectivamente, hai parlamentos no mundo nos que as protestas acaban a labazadas, por non citar espectáculos que consisten en soltar unha galiña para poñer en cuestión por vía simbólica a efectividade do ministro do interior, exhibir a unha señorita coas brancuras ao aire ou sacar de navalla e poñerse a comer un carrelo de pan.

En principio, nada hai que obxectar a esta concepción da vida como festa e diversión, sen excluír os ámbitos da vida pública relacionados coa seriedade máis formal. Resultaba un pouco chocante, non obstante, que os señores da tertulia aos que aludo fosen rigorosamente vestidos e perfectamente conxuntados, na beira oposta das reivindicacións tunantes que facían. Despois de pensalo un pouco, non me pareceron nin cínicos nin incoherentes. A tradición de vestirse ben para asistir ao teatro forma parte da cortesía.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de maio de 1994.