La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

De todos os profesores atrabiliarios que coñecín, o máis curioso foi un señor que explicaba unha materia de ciencias no instituto e que obrigaba os alumnos a facerlle unha reverencia profunda e versallesca, de noventa graos polo menos. Con frecuencia, os máis descarados sobrepasaban a marca, que levaban ata os límites non ben definidos da chirigota. Unha audacia dese estilo podía ocasionarlles unha bronca terrible, ignoro se tamén  un suspenso, como sostiñan os rapaces máis duros de corazón e desconfiados.

Ademais desta teima, aquel señor tíñalle unha manía histérica ás chaquetas con aberturas traseiras, que daquela empezaban a poñerse de moda. Non aturaba tampouco que as rapazas levasen o pelo tapando un ollo, outra das marcas da época. A pesar de todo, o citado profesor non era incompetente; só tiña rarezas.

Estou convencido de que na vida académica de hoxe, máis anónima e neutra, quizais tamén máis eficaz, xa non se dá este tipo de xente arbitraria e neurasténica. Tamén nisto melloramos. Con todo, quedan algúns restos da mala vida pasada, por chamarlle dalgún modo. Onte mesmo, por exemplo, uns amigos faláronme dunha profesora que lles dixo aos seus alumnos que os homes primitivos comían dinosauros. Confeso que me produce máis pracer a graza do disparate que me indigna a ingorancia mastodóntica da señora.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de maio de 1995.