La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte falei aquí das mentiras do escritor francés André Malraux, que contou a moreas ao longo da súa vida. Nunha sentenza xudicial ditada contra el cando tiña pouco máis de vinte anos, xa lle chamaban mentirán. Sucedeu que, arruinado economicamente, o novelista concibiu a idea de viaxar ata Cambodia para facerse coas estatuas dun templo oculto e abandonado na selva e vendelas despois de forma clandestina. Naturalmente, Malraux non se vía a si mesmo como un ladrón, senón como un salvador.

Nisto utilizou a mesma coartada moral que empregaba un cura de Ourense afeccionado a roubar libros nas casas dos demais. Para tranquilizar a propia conciencia, dicía que era como redimir cativos. Así ata que un profesor da Escola Normal, intelectual serio, lle respondeu que os libros seus xa se encargaba el de redimilos.

A Malraux, que fixo a viaxe e roubou as estatuas, condenárono por “quebranto de monumentos”. Anos despois, o escritor diría que a vida, cando un ten poucos anos, é como un mercado de valores, onde estes se compran, non con diñeiro, senón con actos, pero que a maior parte da xente non adquire nada. Neste sentido, hai que darlle a razón, aínda que habería que engadir que, por ese procedemento, o capital de Malraux chegou a ser substancioso. Na riqueza, non obstante, non é ouro todo o que reloce.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de maio de 1997.