La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola tarde estivo na casa o carpinteiro para tomar as medidas dun par de cousas que hai que facer. Como é home de boa prosa, liámonos a falar durante horas, saltando de tema en tema, desde o mel, que cultiva, ata a experiencia que adquiriu en varios países de América do Sur, cando traballaba para as embaixadas dos Estados Unidos en asuntos de axuda. Cre na xustiza e na solidariedade, pero non emprega apenas esas palabras. El fala do mesmo, pero dunha maneira moito máis sinxela, como un mozo que se tira ao río para salvar a alguén que se está afogando e non sabe que iso se chama heroísmo ata que sae nos periódicos.

Nun momento, amoseille o gato Samuel, que xa dixen que anda malo, cun tratamento forte a base de inxeccións. Estaba deitado, con ese corpo de alma arruinada que se lle puxo desde que enfermou, esmirriado, falando cunha voz de tísico que parecía máis un lamento que un saúdo. En canto o viu, con esa cachaza imperturbable dos paisanos, o carpinteiro dixo: “Vaia buscando outro”.

Foi como se me mordese no corazón. E peor aínda cando engadiu: “Este comeu veleno por aí”. Sentín que me adiviñaba o pensamento, pois esa era a idea que a min me rondaba pola cabeza desde hai días. Esa foi tamén a razón de que levásemos a Samuel á clínica e que o deixásemos internado, a ver se aínda se pode facer algo por el, que temo que non. Desde logo, se sucede o peor, haberá que pensar ben se paga a pena traer outro gato para a casa, tendo en conta esta loucura paisana de andar botando veleno nos campos. Mentres tanto pídolle desde aquí a todos os amigos que pensen nel con cariño. Ás veces, estas cousas axudan.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de maio de 1998.