La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Ao presidente Franklin D. Roosevelt gustáballe comer, pero aborrecía os brócolis, tanto que nunha ocasión non dubidou en mandarlle un detallado memorandum sobre o asunto á súa cociñeira, a señorita Henrietta Nesbit. Nunca tal fixera: desde entón, aquel home tan poderoso, que gobernou os Estados Unidos durante doce anos e que decidiu a fabricación da primeira bomba atómica da historia, non conseguiu librarse de tan odiado menú. A citada cociñeira, inepta e teimuda, dicía que os brócolis lle tiñan que gustar.

Detrás da ousadía daquela muller bruta, estaba a primeira dama do país, a famosa Eleanor Roosevelt, á cal lle importaba un pemento o seu marido. A pesar de que a polio o condenase a permanecer para sempre nunha cadeira de rodas, ela negábase a sacalo a dar pequenos paseos polo xardín, unha das cousas que máis o distraía.

É a historia dun vello rancor, do que se fala nun libro que acaba de saír nos Estados Unidos. No fondo, non resulta difícil de imaxinar. O señor Roosevelt sentía unha inclinación irreprimible polas secretarias, afección que a súa muller nunca lle perdoou. Por esa razón viviron separados baixo o mesmo teito desde 1917, data do primeiro pecado recoñecido, ata 1945, cando o presidente morreu. Trátase dun asunto privado, pero a un parécelle excesivo, que ademais da dureza da separación, o pobre señor tivese que comer tantos brócolis.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de maio de 1995.