La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hoxe estou en Barcelona para o de sempre: predicar un pouco. Aproveitei a mañá de onte e fun dar o paseo inevitable polas Ramblas, que son un dos teatros humanos máis divertidos de toda Europa. Vin a un Drácula metido nun féretro horroroso, feito con táboas sacadas de caixas de froita e forrado con cachos de plástico negro, quizais restos de bolsas para o lixo. Parecía estar morto, pero creo que estaba durmindo. Vin tamén a un peruano que morría nun combate con outro, pero morría tan mal que á xente lle daba a risa. E vin a un can vestido de señor, todo serio, con lentes, sombreiro e gravata.

Era máis elegante que o dono. Logo estaban os mimos, cada vez máis perfectos: un vaqueiro do oeste que parecía unha estatua de bronce, moi solicitado polos turistas para retratarse con el; un anxo branco case despegado do chan, a punto de voar; un tipo vestido de Óscar de Hollywood, cun letreiro que dicía: “O home máis sexy do mundo”. Tiña máis ben pinta de esqueleto.

Cando regresaba, para ir comer cuns amigos, tiven que atravesar a rúa polo medio dunha manifestación enorme, que baixaba da Praza de Cataluña tocando pitos, batendo cazolas e atronando con tambores. Entón unha rapaza que ía na demostración díxome: “Súmate, hombre”. Aínda que non sabía que pedía toda a aquela multitude ou contra quen protestaba, a petición foime feita con tanta graza, que decidín sumarme. Algunha razón terían, supuxen. Para saír de dúbidas, pregunteille á moza de que se trataba. Aclaroume que era contra a droga e deume un pito para que pitase. Camiñei con eles arredor dun cuarto de hora, ata que se me fixo tarde. Cheguei con retraso ao xantar, pero bastante contento.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de maio de 2000.