La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O día 30 de marzo do ano 1992, mentes a cidade de Saraxevo era bombardeada con saña polos serbios, nun piso do centro da capital unha nena chamada Zlata Filipovic collía un lapis, abría un pequeno caderno coas follas en branco e escribía na primeira delas: “Hola, Diario. ¿Sabes o que penso? Como Ana Frank lle chamou Kitty ao seu diario, quizais eu tamén che podería poñer a ti un nome”. Acabaría bautizándoo como Mimmy. Dous anos despois, os escritos de Zlata Filipovic estanse convertendo nun negocio.

Unha prestixiosa editorial norteamericana, Viking Penguin, pagou por eles uns setenta millóns de pesetas*. Algo máis foi o que deu polos dereitos cinematográficos unha coñecida produtora do ramo. Non se sabe a cifra que suman os dereitos de tradución do diario, que vai ser publicado en vinte e tres países diferentes.

De momento, Zlata Filipovic, que anda por Nova York, invitada polos seus editores, parece que decepcionou a todo o mundo: as súas deusas son as modelos de alta costura e nunha visita a Schwarz, a célebre tenda de xoguetes da Quinta Avenida, só lle interesou a sección da boneca Barbie. Onte vin unha foto da nena paseando pola rúa. Ten o aspecto dunha rapaza normal, máis ben alegre. Detrás dela, sobre unha porta de cristal, vese un anuncio que semella posto alí por un demo cínico e burlón: “Búscanse vítimas”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de maio de 1994.

(*) Algo  máis de 420.000 €