La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No periódico de onte dábase a noticia de que se volven publicar os contos de Calleja, aquela colección de libriños pequenos onde se podía ler o mesmo a historia de “La buena Juanita” que un tratado de urbanidade en verso no que se recomendaba lavar a cabeza “de vez en cuando” ou se explicaban as excelencias da riqueza. Sobre este último tema había un libro fantástico, do cal debo gardar aínda un exemplar nalgún recuncho inaccesible da miña biblioteca. Consistía nunha obriña escrita en defensa dos ricos, non polas súas virtudes, que diso non se falaba, senón pola capacidade que tiña a súa propia riqueza para distribuírse entre todos equitativamente.

O libro estaba cheo de exemplos moi claros e expresivos. Recordo sobre todo un deles que se refería aos beneficios derivados das festas e os banquetes suntuosos. Segundo o autor, desas actividades beneficiábanse todos, tanto os camareiros que servían como os propietarios das tendas de produtos, desde o carniceiro e o panadeiro ata o vendedor de flores, e incluso médicos e hospitais.

Os médicos porque sempre, no parecer do autor, alguén acababa necesitando os seus servizos, fose polos excesos na mesa, fose polo estado corrompido dalgún alimento, como unha ostra, ou fose porque alguén se constipaba ao saír da casa. Con todo, o mellor era o sentido social que se desprendía daquela obra: os pobres tamén saían directamente beneficiados, máis que  nada porque resultaba inevitable que nun banquete de rumbo houbese sobras. Pois estas, ás veces perdices enteiras, estaban destinadas a abastecer as mesas dos asilos, vellos desamparados ou pobres vergonzantes. Nos contos, o mundo sempre foi feliz comendo perdiz.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de maio de 1999.