La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A igrexa do Santo Sepulcro, en Xerusalén, o lugar desde o al Cristo subiu ao ceo, leva máis de dez anos recuberta con plásticos e estadas, furtada a súa vista aos miles de peregrinos de todo o mundo que acoden a visitala e que, ao descubrir a situación en que se atopa, non poden ocultar a decepción que senten. O atraso das obras non se debe a ningún problema de carácter económico ou a razóns de tipo técnico; detrás dos tubos e das táboas grandes que envolven a capela, escóndese a disputa que ten divididos aos responsables.

Católicos romanos, ortodoxos gregos e cristiáns armenios, que na igrexa que se ergueu sobre o antigo portal de Belén acordaron repartir entre eles os diferentes recunchos do templo, na  igrexa do Santo Sepulcro, en cambio, non foron capaces de chegar a unha avinza semellante e andan en guerra desde hai anos.

A cuestión é a color. Cada un deles ten unha opinión incompatible coa dos demais respecto de como se debe pintar o edificio. Cando os devotos que acoden a visitar aquel lugar sagrado se informan da causa do abandono en que se atopa, expresan con indignación o desgusto e o escándalo que lles produce unha diatriba tan pouco cristiá. Eu penso, non obstante, que pelexar por unha color debe ser un dos poucos motivos nobres polos cales se pode disputar neste mundo. Sempre que os curas non cheguen ás mans, por suposto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de maio de 1994.