La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Chamoume Xosé Luís Bobillo, o meu vello profesor de Literatura, do que xa falei aquí varias veces, para preguntarme se coñecía o fundamento da expresión “punto filipino”. Respondínlle que non. Agora ben, máis alá da orixe deste dito popular, está claro que se utiliza para referirse a un golfo que inspira algunha simpatía. Cando eu era alumno deste señor, había varios na nosa clase. En primeiro lugar, un rapaz de orellas grandes, moi divertido, que un día pretendeu, no seu piso de Berlín, que o meu irmán e mais eu vísemos con el, cunha manta tapándonos a cabeza, unha película porno proxectada sobre a parede cunha máquina de manivela.

Outro era lambonciño, especialmente con uvas e cereixas. Cando chegaba o tempo delas, percorría os postos das feiras de Xinzo, probándoas de tres ou de catro en catro, co pretexto de saber se merecían a pena. Nunca a merecían. Dese xeito, papaba unhas cantas sen pagar un can e ademais divertíase. Meteuse a frade, pero durou pouco.

O terceiro é, dos tres, o único ao cal lle perdín a pista. Non sei se era un representante xenuíno da categoría dos puntos filipinos ou se, polo contrario, andaba rondando as proximidades de outras especies menos inocentes. Este facía negocios. Unha vez, por exemplo, vendeu como polvos de “vente conmigo”, o que non era outra cousa que tella machacada. Gañou unhas pesetas. Noutra ocasión, vendeu dúas veces o mesmo can, como se fosen dous, usando un tinte amarelo e outro marrón. Tamén se dicía, aínda que isto non cheguei a comprobalo, que confesara a varias mulleres. Como digo, non volvín saber del. Segundo me dixeron, andaba por América, ás veces rico, ás veces na cadea.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de maio de 2000.