La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pois agora resulta que Giulio Andreotti non dorme, como lle acaba de confesar a algúns amigos. Os signos do insomnio parece que se lle notan xa na cara, pois o mesmo cura da parroquia onde o político asiste a misa todas as mañás asegura que o atopa deprimido, sen a agudeza e a seguridade de antes, como esmagado. Hai un par de días, na televisión víase demacrado, e os ollos, aquel par de raios que antes brillaban como soles, especialmente cando miraba de esguello, estaban apagados. É falta de sono.

Non é bo para os italianos que Andreotti non durma. Se as súa poderosa intelixencia política, unha das máis notables do século, cun rendemento diario de dez ou doce horas de vixilia, foi unha arma temible, de que non vai ser capaz agora, dedicado  tamén a pensar o tempo que antes tiña para durmir. Se eume vise no pelexo de algúns dos seus inimigos, estaría xa facendo rogativas.

Porque unha cousa que non resulta imaxinable é un Giulio Andreotti encadeado, vestido con traxe de raias, sometido á lei sen misericordia das mafias do cárcere. Sería talvez un triunfo da xustiza, pero non deixaría de ser unha derrota da intelixencia. Nese enfrontamento, ademais, ao longo da historia, aquela demostrou sempre unha fraxilidade só comparable á fortaleza desta última. Se ocorrese así unha vez máis, non sería unha traxedia. Despois de todo, tampouco se trata de combater o dereito a canonazos.