La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

De todos cantos coleccionistas coñecín, unha categoría na que abundan as xentes raras, o máis estrafalario foi sen dúbida un carniceiro que me presentaron nun hotel de Sitges e que estaba especializado en xuntar libros sobre Marilyn Monroe. Non recordo a cifra que me dixo, pero teño idea de que falaba de trescentos volumes. Gustaríame non equivocarme porque acabo de ler nos periódicos que un avogado italiano garda na súa casa, entre folletos e libros, douscentos setenta e cinco títulos dedicados a Adolf Hitler.

Ignoro cales son os motivos que levaron a ese señor a formar  a súa biblioteca, aínda que supoño que non debe ser unha razón inocente. O carniceiro catalán confesaba a verdade: a morte da actriz tíñao transtornado de tal maneira que non atopou outra maneira de librarse do sufrimento que iniciar aquela colección.

Entendo que se poida sufrir por Marylin Monroe; cústame comprender que ninguén poida convivir coa imaxe malvada daquel bicho ruín. Hai poucos días, non obstante, un home suicidouse en Alemaña porque non aturaba as cousas que se seguen dicindo do nacismo e do seu xefe. Quizais non estaba ben informado, pois cando Tony Curtis acabou de rodar, precisamente con Marylin, unha célebre película, confesou que bicar a actriz era peor que bicar a Hitler. Estupideces á parte, é o maior eloxio que se ten feito deste último.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de abril de 1995.