La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Contouno Manolo Rivas o venres pola noite, durante unha cea de amigos. É unha historia vella, que el mesmo viviu nos seus tempos de estudante, cando os mozos máis inquietos e  revolucionarios estaban divididos: uns a favor do comunismo chinés e outros a favor do soviético. Naquelas circunstancias, unha vez asistiu a unha discusión feroz por este asunto, que mantiña agriamente enfrontados a dous rapaces, un deles natural dunha aldea de Ourense e outro nacido nunha pequena localidade luguesa.

Os adversarios utilizaban toda unha retórica dialéctica perfectamente codificada, na que se incluían citas sagradas de Marx, de Lenin ou de Mao, argumentos repetidos centos de veces, con frecuencia escuros e mal entendidos, sempre dunha contundencia absoluta. Era como andar en bicicleta arredor dun pau.

Os discutidores, pechados cada un no propio círculo, amosábanse incapaces de saír desa roda, encadeados a si mesmos. De súpeto, non obstante, o de Ourense deu un salto mental e botouse do outro lado do disparate, desta vez cun argumento definitivo: preguntoulle ao de Lugo, partidario de Mao, se lle parecía posible encher a Terra Chá de instrutores chineses sen que aos paisanos galegos lles dese a risa ou mirasen con sorpresa ou desconfianza aquela xente rara. Esa situación, en cambio, nunca se produciría cos rusos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de abril de 1996.