La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai un refrán que di: “A comezos de abril, o cuco ten que vir; e se non volveu, ou prendérono ou morreu”. Existe tamén unha variante algo máis apocalíptica que asegura: “Se non viches o cuco a mediados de abril, ou morreu o cuco ou vai vir a fin”. Despréndese de ambos os dous refráns que o cuco tiña que andar xa por aquí, pero de momento non chegou, polo menos na aldea onde eu vivo. Como teño o costume de avisar cada ano desde aquí, quero adiantar que se ata agora non o fixen é porque aínda non o escoitei cantar.

A idea de que o cuco poida estar preso igual que a xente, tal como afirma o refrán, resulta divertida. Como se trata dun paxaro senvergonza, non lle cae mal iso de acabar no cárcere. Con todo, esa posibilidade non é unha simple especulación, por máis que tampouco sexa nin normal nin frecuente o que vou contar a continuación.

Hai anos, na China apareceron simultaneamente dous fenómenos: un neno que lía coas orellas e que saíu nos periódicos de todo o mundo e un paxaro da familia dos cucos que avisaba ao dono, un bandido, da chegada da policía. Home e bicho foron pasados polas armas: o primeiro, a tiros, diante dun pelotón; o segundo, a pedradas, no patio dun cuartel. Ogallá que os  verdugos quedasen xordos polo ruído dos disparos e das pedras; non para todo, senón para non escoitar nunca máis ese canto que nós estamos esperando.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de abril de 1998.