La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Ese can anano do que falei onte non mordeu a dous curas, como dixen, senón a un só. A equivocación debeuse a que, no transcurso da conversa, o señor abade propietario do animal, que foi quen me contou o suceso, faloume de dous colegas e eu mesturei ambas as dúas historias, a pesar de que eran diferentes.  O mordido foino nunha perna, na parte baixa, cousa lóxica tendo en conta o tamaño do can, e o outro sufriu tamén un accidente nun pé, pero este último foi a consecuencia dun disparo de escopeta.

Sucedeu que unha noite o crego escoitou voces preto da casa, a unha hora na que a xente da aldea adoita estar durmindo, e maliciou, parece que con fundamento, que se trataba de ladróns. Por se acaso, colleu a Sarasqueta coa intención de pegar un par de tiros ao aire, con tan mala sorte que se feriu desa maneira.

De aí xurdiu a confusión do can, porque o abade accidentado ten un mastín enorme, que non deu cos bandidos, o cal quere dicir que non garda a casa como a debía gardar. Polo que se ve, as reitorais xa non son o que eran, cando os curas dispuñan de cans bravos, capaces de comerlle unha perna ao primeiro que se atrevese a traspasar a porta do patio con malas intencións, e que sabían disparar. Naturalmente, non se trata de reivindicar a volta daqueles curas, pero tampouco está ben que os de agora se disparen nos pés.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de abril de 1996.