La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O sábado pola tarde estabamos invitados, os escritores e as escritoras participantes no Salón do Libro, a un cocido galego que nos daban nunha sociedade de aquí. Cando eu cheguei, cun atraso de quince minutos, notei caras longas entre algúns dos anfitrións, pedín desculpas e senteime na mesa cos meus compañeiros para cear. Despois de case unha hora, acercouse un camareiro para preguntarnos se nos servía antes ou despois da conferencia. Mirámonos con cara de estrañeza uns aos outros, ata que se aclarou o que pasaba. Polo visto, eu tiña que dar unha charla, cousa que ignoraba. Cando o souben eran case as dez e media da noite.

Recoñezo que son despistado e que probablemente me chamaron un mes antes para falar do asunto, pero a verdade é que non me acordaba. Por suposto, entre as bromas dos meus colegas, acordamos que daría a conferencia despois do cocido, o cal foi anunciado polos altavoces. Entón sentinme como un pesado ou un aburrido, capaz de molestar a toda aquela xente que estaba alí para pasalo ben.

Ás doce da noite, a cea aínda andaba polos postres, algúns dos comensais xa pediran os primeiros whiskys e nun recuncho do outro lado que ocupabamos nós, empezaban a cantar. Foi entón cando se acercou un dos organizadores, perto da unha da mañá, e me dixo se non me importaba que se suspendese a conferencia, dándome mil explicacións. Naturalmente, quedei feliz. A historia rematou cun baile, no que me vin obrigado a participar por non desairar unha xentil bailarina. De xeito que foi a primeira vez na miña vida que fun dar unha conferencia e acabei bailando. O raro é que isto me sucedese nun país contrario a calquera improvisación.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de abril de 1999.