La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola tarde, cando volvía de Santiago, fun saltando de radio en radio, escoitando un pouco aquí e outro pouco alá, á procura dun programa que me entretivese durante a viaxe. Escoitei varias cousas interesantes. Por exemplo, unha serie de opinións sobre a vellez, tanto de xente nova como de persoas maiores. Unha destas últimas dixo que ser vello consistía en durmir pouco, comer pouco e tusir moito. Outra delas definiu esa mesma idade da vida como unha etapa tranquila e bastante feliz. Finalmente, unha rapaza, estudante universitaria en Madrid, dixo que os vellos non lle gustaban, que por iso mesmo ela non esperaba chegar alá.

Nalgunha outra ocasión xa teño contado aquí iso de que un empeza a ser vello cando ve os futbolistas e os soldados como rapaces novos. Nunca estiven moi seguro desa apreciación, en parte porque os xogadores de fútbol, como as atletas en xeral, representan case sempre máis anos dos que teñen. Polo que respecta aos soldados, o uniforme dálles unha aire de seriedade que os avellenta un pouco.

Polo que a min respecta, aínda que non son un vello, vou cumprindo anos e isto nótase na maneira de pensar. Desde hai tempo sucédeme, por poñer un caso, que me resulta moi difícil non sorrir ao escoitar as grandes palabras ou as declaracións radicais. Tendo a ver, detrás de todo iso, unha golfería que me soa a música celestial. Non quero dicir con isto que eu teña razón, senón que imaxino que a miña vellez vai ser, lamentablemente, a dun home escéptico. Por sorte sempre quedará un amigo con quen falar, un libro para ler e calquera cousa pequena con que alegrarse. Un tivo xa tantos e tantos entusiasmos que supoño que non lle virá mal descansar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de abril de 1999.