La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Na madrugada do martes pasado, cando xa era de noite e non se vía xente pola rúa, perdinme cuns amigos na cidade de Padua, camiño de Milán, onde tiñamos que coller o avión ao día seguinte. O curioso é que o enderezo que buscabamos contaba cunha boa referencia, a igrexa de Santo Antón, patrón da cidade, pero non había maneira de dar con ela. Cada vez que o coche enfiaba o rumbo que nos marcaban os letreiros indicadores, acababamos dando voltas e  máis voltas, ata aparecer no extremo oposto da vila.

Despois dunha hora, como se estivésemos metidos nun labirinto estúpido, ideado polo Demo para rirse de nós e impedir que durmísemos aquela noite, acordeime de que santo Antón é o encargado de atopar as cousas perdidas, pero tamén me decatei de que nunca souben o responso que hai que rezar para pedirlle favores.

Así que seguimos dando voltas durante media hora máis. Entón, visto que nin o ceo nin o santo estaban en condicións de botarnos unha man, ocorréusenos entrar no primeiro hotel que atoparamos e pedir axuda. Atendeunos un señor amabilísimo, que nos marcou nun mapa a ruta que había que seguir e que nos acompañou ata a metade da rúa, a pesar do frío. resultou perfecto: en poucos minutos chegamos ao noso destino. Non sei se aquel home tería algo que ver con santo Antón, pero gardaba certo parecido con el.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de abril de 1995.