La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No pasado mes de febreiro, segundo conta o The New Yorker, que é onde eu leo estas cousas, celebrouse en Nova York a presentación dunha moda que vén este ano, inspirada na roupa militar, pero que foi bautizada como Utility Chic, quizais para non espantar a clientela pacifista. Non convén esquecer que durante a guerra de Vietnam, moitos pacifistas ían vestidos de militares. O caso é que, entre as prendas que se van levar agora, abundarán os anoraks de color caqui, as chaquetiñas de piloto, as camisas verdes de camuflaxe e outras roupas polo estilo. Para a praia, o modelo ideal será, polo visto, o “tankini”, palabra feita a base de tanque e bikini.

A modelo elixida, quizais sería mellor dicir recrutada, para presentar a nova moda, foi Laetitia Casta, esa rapaza de Córsega que domina nas pasarelas e que algúns consideran a muller máis fermosa do mundo, cualificativo este que, a pouco que se pense, resulta claro que non ten sentido, pois ese ser ideal ou número un non existe, simplemente está representado por miles de mozas, incluso señoras.

Polo que conta a revista, Laetitia Casta está escribindo as súas memorias, a pesar de que non ten máis de vinte anos. Nelas di, por exemplo, que ás veces é fermoso aparecer espida nunha revista. Non se trata dun pensamento moi profundo, pero iso non impide que Laetitia se relacione con persoas moi intelixentes, como o doutor Renato Dulbecco, premio Nobel de Medicina, un home de oitenta e cinco anos que no festival de San Remo bailou con ela, coas caras moi xuntiñas. Máis tarde, o ilustre premiado diría que lle gustaría clonar a Laetitia. Non parece tampouco unha idea demasiado profunda, pero pode explicarse polas circunstancias.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de abril de 1999.