La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pasei a tarde de onte lendo dúas das revistas que chegan á casa a primeiros de mes. En xeral, viñan saborosas. Divertinme bastante cunha reportaxe sobre Ciro’s, un club nocturno famoso no Hollywood dos anos posteriores á Segunda Guerra Mundial, frecuentado polas figuras máis populares do cine e da canción daquela época. Se cito uns poucos nomes coñecidos, como Marilyn Monroe, Frank Sinatra, Cary Grant ou Ava Gardner, non será necesario dar máis datos para imaxinar o ambiente que se respiraba naquel célebre local.

Polo que respecta ás falcatruadas que facían, abonda con soltar un pouquiño a imaxinación. Nestas cuestións relacionadas co corpiño non resulta difícil imaxinar nada, por moito que naquel club se desen circunstancias especiais, como o día en que o director de cine Anatole Litvak e Paulette Goddard pecaron na pista de baile.

Con todo, confeso que levei algunha sorpresa. Na lista dos divertimentos daquela xente, similares a moitos outros xa coñecidos por lecturas anteriores, houbo polo menos un que nunca atopara. Refírome á historia protagonizada por un sedutor chamado Greg Bautzer, amante disputadísimo, a quen Joan Crawford, propietaria dunha popular bebida refrescante, lle regalou un Cadillac despois dunha noite de amor. Polo bo nome desa actriz tan admirada gustaríame que fose así; non un pago previamente acordado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de abril de 1998.