La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Anda estes días por aquí unha amiga sueca a quen coñezo desde hai máis de vinte anos. Ademais de ser guapísima, Eva é unha muller moi intelixente, que escribe sobre gastronomía nas revistas máis importantes do seu país. Precisamente veu a Galicia hai unha semana, xunto cun fotógrafo, Stewen, e outra compañeira, Lillemor (nome que, por certo, en sueco significa Naiciña), para facer unha serie de reportaxes sobre a cociña galega. Percorreron, ou están percorrendo, o noso país de arriba a abaixo, visitando restaurantes de distintas categorías. A impresión que levan é fantástica, tanto da calidade da comida como da amabilidade da xente.

Unha das cousas que sempre me chamaron a atención de Eva, á parte de saber que cando tiña dezaoito anos nunca contara unha mentira, é que unha muller de aparencia tan delicada, de carácter doce e fala suave e melosa, estivese especializada no porco. Mesmo escribiu un importante libro sobre ese animal, do que sabe practicamente todo.

Non é raro, polo tanto, que o outro día, cando había que realizar unha rolda polos bares de tapas, co fin de incluír na reportaxe  ese costume da nosa gastronomía menor, eu lle preparase unha sorpresa que consistiu en visitar un lugar típico, onde o tradicional é comer orellas de porco. Estaba cheo de xente dando conta de pratos dese bocado que algúns consideran exquisito. Discretamente, a miña amiga fíxose a sueca, dedicouse a observar e non comeu nada. Eu pregunteille se non pensaba probar, baixou a voz e díxome: “En Suecia, os orellas de porco son comida exclusiva dos cans”. Logo comentou que a xente berraba moito. Aclareille que unha cousa non tiña nada que ver coa outra.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de abril de 2000.