La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Creo que xa falei aquí nalgunha ocasión anterior dunha experiencia que vivín en Alemaña, hai xa varios anos, durante unha reunión de amigos. Eramos seis ou sete, todos daquel país a non ser eu, e estabamos de tertulia ao aire libre, no xardín dunha fermosa casa do século XIX, tomando unhas copas despois de cear. Pouco a pouco, a conversa foi adquirindo un ton melancólico, sen dúbida fomentado polo alcohol. Eles acabaron falando da historia recente do seu país e todos sen excepción expresaron un sentimento que para min constituíu unha sorpresa: sentíanse avergonzados de seren alemáns, ata o extremo de renegar da súa patria e da súa cultura.

Poucos días despois comentei esta experiencia cunha amiga máis nova, de menos de trinta anos de idade, filla dun alemán e dunha sueca. Díxome que a ela lle sucedía o mesmo e que, en moitas ocasións, cando viaxaba a outros países, procuraba ocultar a nacionalidade, para o cal lle servía de cobertura o seu bilingüismo e a circunstancia de ter tamén, por parte da nai, unha segunda patria.

Desde entón, teño comprobado a extensión deste sentimento en moitas ocasións. A última vez, o outro día, en Berlín, cunha rapaza tamén nova. Pregunteille delicadamente polo asunto e respondeume con claridade: a ela sucedíalle o mesmo, co agravante de que o seu avó fora un nazi activo, responsable de crimes horrorosos. Como en ocasións anteriores, pareceume unha mostra de sensibilidade moral, digna de admiración. O contrario do que sucede estes días co famoso Arkan, o asasino serbio que moitos dos seus compatriotas consideran un heroe. Cando os verdadeiros heroes son as persoas que agora foxen, asustadas, de tipos coma el.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de abril de 1999.