La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Recordo unhas reunións en Santiago, nos meus tempos de estudante, cando un grupo de amigos nos xuntabamos nas tardes dos domingos nun piso alto e luminoso da rúa Nova, con teitos ornamentados de escaiola, para entreter as longas horas ociosas daquelas xornadas sen clases. Un día estabamos falando do porvir da humanidade, un tema propio para as almas inocentes. Un dos contertulios, que profesaba doutrina e manexaba a linguaxe sacerdotal dunha secta política, dixo que non era difícil prever o futuro.

Explicouno tan ben, el que estudaba matemáticas, que a todos nos pareceu que a evolución do mundo estaba escrita e que abondaba con aprender a lela, o cal tampouco  debía ser demasiado difícil se un xulgaba pola sinxeleza e a lóxica do discurso que acabamos de escoitar. Un dos presentes apuntouse a aquela doutrina.

Onte pola tarde, tantos anos despois, estiven de tertulia con outros amigos. Como xa somos maiores, non nos atrevimos a tratar da humanidade en xeral, como faciamos cando eramos estudantes, senón que falamos do difícil que resulta saber como vai ser nos próximos anos esta parte pequena do mundo que habitamos. Medramos en experiencia e en idade, pero non en sabedoría, porque non conseguimos aclarar nada. Non sei se perdemos sutileza ou simplemente perdemos ilusións. En todo caso, perdemos esperanza.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de abril de 1994.