La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O sábado pola tarde, aproveitando que estes días temos uns nenos suecos pasando as vacacións na casa, dedicamos as últimas horas do día a pintar ovos de Pascua. É un costume antigo e simpático, que aos rapaces daquel país lles fai unha ilusión parecida á que nos facía a nós de pequenos a noite de Reis. De maneira que nos armamos de pinceis e acuarelas, cocemos os ovos e puxémonos á faena. En total, había que decorar dúas ducias. Os que coñecen a técnica andaban rápidos; os demais iamos amodiño.

Os nenos pintaron esas cousas que tanto lles gustan: bruxas e bichos raros. Os maiores inclinámonos pola orixinalidade artística. Houbo quen pintou un ceo estrelado; tamén se pintou un mar azul, pero sen barcos. A solidariedade internacional dun dos cativos converteu un ovo nunha tripe bandeira sueca, galega e española.

A min, a cousa resultoume bastante complicada. Ao principio quixen pintar un señor calvo, pero corréuseme a pintura negra que usaba para poñerlle algo de pelo na parte de atrás e o ovo colleu o aspecto dun cura con tella, que é como se chama o sombreiro dos cregos. A seguinte catástrofe veume polos ollos, que cada vez se agrandaban máis, ata que chegaron a ser como dúas cereixas maduras. Tratando de corrixilos, saltoume un pouco de color encarnado na cabeza. Total, que creo que me saíu unha galiña.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de marzo de 1997.