La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Escoiteille dicir a Xaquín Lorenzo que alá polas súas terras de Lobeira, na raia seca, había unha casa na que vivía un demo que se chamaba Genaro. Oínlle falar do asunto varias veces, sempre en serio, non como un conto, senón como unha historia absolutamente certa. Era o tal Genaro un ser rabudo, que se entretiña en molestar aos propietarios con accións que se parecían máis a unha gamberrada que a un acto ruín ou malvado.

Por exemplo, daba labazadas, cuspía nos espellos, apagaba o lume ou facía as necesidades no chan. Segundo Xaquín Lorenzo, non se trataba dun demo negro, que é o que pode causar grandes males e levar almas ao inferno, senón do demo tardo, que soamente fai trasnadas e causa pequenas molestias. Este tipo é como un cadelo, que pode facer dano, pero nunca con mala intención, só por xogar e divertirse.

Polo visto, este tal Genaro desapareceu un día, non por oracións, que non poden con el, senón como consecuencia dunha nevada: os da súa clase non aturan o frío. Os donos da casa sentírono ben, porque hai unha lenda que asegura que estes demos tardos, cando se fan grandes axudan nos labores domésticos: varren, quitan o po, atenden o lume, incluso constrúen pontes. Boa xente, sen dúbida: non como eses outros que en Bélxica inspiraron o outro día un suicidio colectivo. Vese que entre os demos tamén hai malas persoas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de marzo de 1995.