La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non sei se a frase se dicía só na miña vila ou se, polo contrario,se trata dun dito popular de uso xeneralizado. Desde logo, na miña casa empregábase moito, sobre todo por parte do meu pai. A frase era: “Tataraná, María Manuela”. Con ela queríase expresar un sentimento de escepticismo respecto de alguén que falaba sen fundamento. Escoiteina en moitas ocasións dirixida a un parente meu, mal estudante e trapalleiro, que sempre atopaba desculpas para explicar os numerosos suspensos que colleitaba cada ano.

Onte pola mañá, mentres almorzaba, púxenme a ler os periódicos. Era cedo e dispuña de tempo para facelo con calma. Mesmo os cans, que durmían tranquilos sobre a alfombra, invitaban a iniciar o día con parsimonia e sen présa. Fóra escoitábase a algarabía habitual dos paxaros, aínda algo apagada pola chuvia.

De todo canto lin no periódico, o que máis me chamou a atención foi a noticia do xuízo ao asasino de Isaac Rabín. Nas palabras de autodefensa que o individuo pronunciou diante do tribunal, dixo que matara ao primeiro ministro en defensa do pobo de Israel. Tataraná, María Manuela. Matouno porque pertence á estirpe dos miserables e á raza irada da xente rabiosa. O demais non é máis que disimulo. O que pasa é que debe ser moi difícil recoñecer que un fai estas cousas simplemente porque é unha mala persoa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de marzo de 1996.