La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, cando saín da casa para ir cear cuns amigos e deixei a televisión soa, co partido de España e Suecia funcionando para ninguén, seguín o encontro aínda durante uns minutos máis a través da radio. Chamoume a atención o escándalo que organizou o locutor á hora de cantar un gol. Foi unha especie de ouvido de lobo ou de alimaña enlouquecida, un berro gutural de  case un minuto de duración, ata quedar sen alento nin respiración. Como diría un paisano meu, foi unha cousa “disconforme”.

Antes, ese maneira de anunciar os goles, era estranxeira, propia de países pobres. Só se escoitaba nas emisoras de onda curta, que emitían desde lonxe, e tiñan un aire de comportamento pintoresco, propio para turistas, como as pelexas de galos ou semellantes. Eu non sei de onde vén esta práctica nova, absolutamente primitiva e algo ridícula.

A min prodúceme a mesma sensación de que se un mozo tratase de impresionar a unha moza  dobrando un ferro gordo cos dentes, comendo tres queixos e un bombo de sardiñas ou saltando un río dunha alancada, algo parecido ao que fixo un rapaz dunha aldea de Murcia, que lle arruinou un festival a Miguel Bosé comendo en presenza del, desafiándoo a facer o mesmo, un polo vivo, ao cal lle destrozou o pescozo a dentadas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de marzo de 1998.