La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Lin nos periódicos que un concelleiro do Partido Comunista sueco, que alí se chamou sempre o Partido da Esquerda, acaba de ser expulsado por dedicarse a facer películas pornográficas. Non teño nada que comentar, pero penso que esta actitude debe de ser nova porque hai anos eu  coñecín a un membro do mesmo partido, nunha localidade próxima a Gotemburgo, que facía o mesmo e non tiña problemas. Nunca entendín como aquel señor, que era gordo e colorado, podía ter éxito nunha actividade de semellante natureza. Visto desde fóra, a min parecíame máis ben un antídoto forte contra a concupiscencia, aínda que nestas cousas nunca se sabe.

O concelleiro expulsado non está de acordo coa medida e pensa recurrila, pois non a considera legal. Parece unha actitude bastante razoable. Despois de todo, non se trata doutra cousa que defender uns dereitos que se consideran lesionados. O que non consigo entender é que o sancionado diga que non acepta porque el se debe aos electores.

Cun argumento así poderíalle dar a razón a aqueles que identificaban o comunismo coa pornografía, como o cura Pepito (don José Casado Lorenzo), que polos sesenta defendía a idea de que o Kremlin era o centro produtor de pornografía máis activo do mundo e que Stalin en persoa alentaba tales producións para minar a resistencia moral dos países que non controlaba. Eu nunca o crin, aínda que Líster contaba na intimidade algunhas cousas do Gran Dirixente que o achegaban un pouco, polo menos no uso da linguaxe, ás acusacións daquel cura aguerrido. A equivocación deste último consistía en pensar que Stalin necesitaba ser pornógrafo para ser aínda máis malo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de marzo de 2000.