La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hoxe voume a Berlín, a participar, xunto con outros colegas de aquí, nas xornadas da Asociación de Hispanistas alemáns, que celebran agora o seu congreso. Polo que sei, a miña intervención vai consistir en pouca cousa: ler un conto e explicar como entendo eu este xénero. Como non teño ideas especialmente orixinais sobre o asunto, espero que a xente non pense que son un fresco. Digo isto porque neste oficio de escribir, polo menos para min, falar dos interiores paréceme tan difícil como botar un discurso sobre as chuletas que se comen, sobre as cualidades da propia respiración ou en que consiste andar, e que non sexa poñer un pé detrás do outro.

Polo demais, Berlín é unha cidade que me gusta. Xa sei que non é esta unha idea moi compartida, pois a capital alemá non concita unanimidades como París ou como Londres, senón mais ben discrepancias, como Nova York. Non obstante, a min paréceme moi fermosa, incluso a pesar das obras. Hai uns meses, a última vez que estiven nela, estaba todo patas arriba. Aínda así, parecía bonita.

En Berlín pasei un mes inesquecible hai uns anos, cando me invitaron a estar alí unha tempada nunha casa de escritores, situada nas aforas, á beira do lago. Contei todo aquí, nas crónicas que ía mandando día a día, de maneira que non terei que repetir o que xa dixen entón. Quizais fora aquela experiencia a que me fixo amar esta cidade que non todos aman, incluíndo neste amor os seus habitantes, non moi queridos en xeral. Creo que todos proxectamos sentimentos sobre a realidade e que Hitler ocupa un espazo na imaxe de Berlín. Quizais os meus sexan tamén prexuízos. En todo caso, son prexuízos desculpables porque son prexuízos de amor.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de marzo de 1999.